Sanxenxo sera sede do I Congreso de Vivendas de Uso Turístico organizado por Aviturga para analizar a situación das vuts en Galicia

O próximo 23 de novembro, o Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acollerá o I Congreso de Vivendas de Uso Turístico, unha iniciativa pioneira promovida por Aviturga (Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia), en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, que busca dar resposta ás principais inquedanzas dos pequenos propietarios deste modelo de aloxamento.
O Congreso nace coa vontade de abrir un espazo de reflexión e diálogo sobre o futuro das vivendas turísticas en Galicia, centrando a atención en tres cuestións clave que afectan directamente á súa xestión diaria.
En primeiro lugar, abordarase o complexo marco normativo e fiscal que regula as vivendas de uso turístico. Os asistentes poderán coñecer de primeira man as últimas actualizacións legais, tanto a nivel estatal como municipal, e analizar como estas normativas inciden na actividade dos pequenos propietarios. A fiscalidade, os requisitos de rexistro e as inspeccións serán algúns dos temas que se tratarán con rigor e claridade.
Outro dos bloques centrais será a comercialización e o uso do marketing dixital como ferramenta estratéxica. Nun contexto cada vez máis competitivo, resulta imprescindible dominar os canais de promoción online, xestionar correctamente as plataformas de reservas e aplicar técnicas de posicionamento que permitan destacar a oferta turística galega. O Congreso ofrecerá formación práctica e exemplos reais para mellorar a visibilidade e rendibilidade das vivendas.
Finalmente, prestarase especial atención á seguridade xurídica e á convivencia nas comunidades de veciños. A proliferación de vivendas turísticas en contornas residenciais esixe unha regulación equilibrada que garanta os dereitos dos propietarios e a harmonía co resto da veciñanza. Analizaranse casos prácticos, conflitos habituais e posibles solucións legais que permitan unha integración respectuosa e sostible.
O acto inaugural terá lugar ás 10:30 horas e contará coa participación de autoridades locais e autonómicas, ademais da presidenta de Aviturga, Dulcinea Aguín, quen subliña a importancia de “crear pontes entre administracións, propietarios e sociedade para construír un modelo turístico máis xusto, profesional e adaptado á realidade galega”.
Aviturga convida a todos os interesados a participar neste encontro, que aspira a converterse nun referente para o sector e nun motor de transformación positiva para o turismo en Galicia.

Visita nuestra
plataforma
de reservas
vitgal

Encantados de atenderche
Esperamos recibir as túas mensaxes e poderche axudar en todo o que necesites sobre o alugueiro de vivendas de uso turístico en Galicia.