O concello de Cariño está situado na provincia da Coruña, na Ría de Ortigueira. O concello está formado por cinco parroquias: Cariño (onde se atopa o casco urbano), A Pedra, Sismundi, Feás e Landoi.
Cariño deriva da raíz indoeuropea kar, que significa pedra, e sen dúbida ten moito sentido dada a peculiar natureza xeolóxica do concello. As rochas de Cabo Ortegal son unhas das máis antigas do planeta e amosan formacións curiosas e rechamantes como os "Os Aguillóns". Trátase dunha das zonas de maior interese dentro do proxecto do Xeoparque de Cabo Ortegal.
Como é característico de calquera vila mariñeira, a vila de Cariño sitúase arredor do seu porto. Destacan as coloridas casas, os balcóns adornados e as rúas estreitas, que fan que pasear por aquí sexa un pracer.
Unha das súas peculiaridades é a espectacular beleza das súas paisaxes. Entre o Atlántico e o Cantábrico, ofrece praias e mares excepcionais.
Ademais de interesantes rutas rurais polo lugar, onde viven aves de diversa tipoloxía e vexetación diferente, a vila é famosa pola súa gastronomía sempre ligada aos produtos do mar, con excelentes peixes e mariscos.
Facemos unha mención especial ás fermosas praias e calas situadas nesta vila mariñeira. Con varias opcións, como a praia da Concha e a Basteira, unha longa praia de area fina, na que destaca a zona dunar.
Ademais, na zona antiga, hai unha pequena enseada chamada Peiral do Campo ou Mallorquín, á que se accede por unhas escaleiras e conta cunha zona de cantís e varios illotes e, aínda que é unha praia rochosa, é ideal para a práctica de deportes como como mergullo.